Monday 20 de May de 2024

O Goberno municipal pon en marcha a reforma integral de San Andrés, os novos skate park de Eirís e José Toubes e o campo de fútbol de Eirís


O bus urbano manterá o seu prezo no 2023, asumindo o Concello o custe da sentenza que obriga a restablecer as tarifas do 2019.

O faio do TSXG anulou a baixada ilegal da tarifa levada a cabo polo anterior Goberno municipal no 2019.

O Concello asume o custe do restablecemento da legalidade no transporte público da cidade para evitar que repercuta nos usuarios

O proxecto de reurbanización de San Andrés sae a concurso por 3,6 millóns de euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe que o prezo do billete de autobús urbano manterase durante o 2023 para as persoas usuarias da tarxeta Millennium e da nova aplicación móbil gratuita para aboar o bus. Como consecuencia dunha sentenza do TSXG, o Concello deberá restablecer as tarifas do bus urbano vixentes a principios do 2019. O TSXG anulou na dita sentenza a baixada de prezo aprobada entón polo anterior Goberno municipal e que supuxo un incumprimento de contrato por parte do executivo local, obrigando agora o TSXG ao restablecemento da legalidade. “Pódolles confirmar que o día 1 de xaneiro ningún usuario do bus urbano da Coruña vai pagar máis do que paga agora mesmo. A tarifa ordinaria con tarxeta seguirá sendo de 0,52 euros e o resto manteranse tamén igual” explicou a alcaldesa. Inés Rey lembrou que a decisión ilegal tomada polo anterior executivo suporá para o Concello asumir ata 2,5 millóns de euros de sobrecusto do servizo.

Respecto á bonificación do 30 % do Ministerio, o Concello da Coruña solicitou á Xunta de Galicia que aboe o 20 % correspondente para poder acceder ao desconto estatal e completar o 50 % da bonificación, tal e como lle fora solicitado no pasado mes de setembro. “Ata o momento a Xunta negouse a achegar fondos para contribuír a axudar os coruñeses no uso do transporte público urbano, mais agardamos que rectifique e non deixe fóra a esta cidade das axudas que si ten activas noutros municipios” sinalou a rexedora. O Estado estableceu que desde xaneiro se manterán as axudas estatais sempre e cando se complementen con fondos autonómicos. Ata o momento, a Xunta negouse a subvencionar o transporte público urbano de coruñesas e coruñeses.

Reurbanización de San Andrés

Esta mañá aprobouse en XGL a licitación das obras de reurbanización da rúa San Andrés, que sairán a concurso cun orzamento de 3,6 millóns de euros e cun prazo de execución de doce meses. Esta actuación enmárcase nos obxectivos do Goberno de Inés Rey de recuperación de espazos para a cidadanía, con máis zonas verdes e espazos de lecer como a recente reurbanización da contorna do mercado de San Agustín. “Con esta actuación, San Andrés recuperará o valor de paseo con arboredo que se lle deu a finais do século XVIII, cando se plantaron 300 moreiras ao longo da rúa. Nesta actuación está prevista a repoboación da mesma especie e recuperaremos así unha imaxe histórica da nosa cidade” explicou a alcaldesa.

A rúa quedará configurada nunha plataforma única, ganando espazo de uso peonil. Manterase o tráfico rodado cun carril de circulación en cada sentido. Os percorridos peonís e os espazos para a cidadanía serán os protagonistas deste proxecto, grazas ás novas zonas verdes, novo mobiliario urbano e a ampliación das beirarrúas. “Cumprimos co noso compromiso acordado con comerciantes e veciños de reurbanizar San Andrés co obxectivo de ganar este espazo para a cidadanía e recuperar o valor dunha das rúas máis importantes e emblemáticas da nosa cidade”.

A nova rúa San Andrés estará interconectada con zonas xa humanizadas como a contorna da Cormelana e Sellier ou con zonas que tamén serán intervidas no futuro, coma os Cantóns. A plataforma única e a ausencia de barreiras arquitectónicas potenciarán a vocación peonil desta rúa que seguirá pechando determinados días ao tráfico para favorecer o seu carácter comercial. “Calculamos que as obras comezarán no segundo semestre do 2023 e ata ese momento seguiremos abrindo a rúa aos peóns as fins de semana como ata o de agora. Consideramos que é unha medida positiva e que estimula o comercio local tal e como nolo fixeron saber dende os diferentes comerciantes e veciños da zona”.